O Concello adica máis de 450.000 euros a melloras no saneamento da Ronda de Fingoi e nos parques Marcos Cela e Rosalía de Castro

Jueves, 23 de diciembre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, deu a coñecer hoxe os proxectos de mellora da rede de saneamento da Ronda de Fingoi, de rexeneración do Parque Marcos Cela e de reparación da escaleira de acceso ó bancal inferior do Parque Rosalía de Castro.

As tres actuacións teñen un presuposto total que suma 451.396 euros que se adicarán a facer melloras para evitar que no futuro se produzan estragos como os que ocasionou a gran treboada de chuvia e saraiba que caeu na cidade o pasado 25 de xuño, segundo anunciou o Concelleiro de Infraestruturas.

Ronda de Fingoi

A mellora da rede de saneamento da Ronda de Fingoi terá un prazo de execución máximo de tres meses e un presuposto de 176.761 euros. As obras consistirán na renovación de todo o canal de saneamento desde a rúa Erín ata a estrada da Granxa colocando un canal de saneamento que só recolla as augas desta zona: Ronda de Fingoi e rúa Erín -que ten unha pendente pronunciada e recolle un caudal moi importante de augas-. O proxecto supón sustituir o actual colector por un novo de 630 mm de diámetro e cunha pendente do 1,1%. O actual ten un ancho de 500 mm e unha pendente de 0,81%.

Ademais o proxecto inclúe a mellora de recollida de augas de escorrentía superficial, tanto na Ronda de Fingoi como na rúa Erín. Para elo está previsto cambiar e aumentar o número de sumidoiros. Vanse cambiar todos os sumidoiros da rúa Erín, segundo anunciou José Piñeiro quen sinalou que “se trata dunha obra importante que vai resolver definitivamente e dará tranquilidade ós veciños, especialmente ós do número 3 da Ronda de Fingoi, ante a posibilidade de que no futuro se produzan fortes treboadas como a rexistrada o pasado verán”.

O Concello elaborou este proxecto logo de facer un levantamento topográfico da rede de saneamento de toda a zona e despois de facer unha inspección visual cunha cámara robotizada que se introduciu no seu interior para comprobar se había tubos rotos ou atascos nunha canalización que funcionaba de xeito aceptable e na que os servizos de Enxeñería consideraron que se podían facer algunhas melloras na recollida de augas para previr situacións como a rexistrada o 25 de xuño.

Parque de Marcos Cela

O proxecto de acondicionamento e rexeneración do Parque de Marcos Cela ten un prazo de execución de tres meses e un presuposto de 235.568 euros.

As actuacións previstas arranxarán os importantes desperfectos que causaron as tormentas no parque e servirán para evitar que, no futuro se se produce outra importante treboada, se volvan causar danos nesta zona verde.

O proxecto inclúe a construción dun novo acceso de anchura suficiente para permitir que poida entrar na zona maquinaria de gran envergadura o que obrigará a cambiar as escaleiras de acceso. Tamén está previsto poñer escolleras de sostemento de terras, consolidar as escaleiras de acceso ó parque desde a avenida de Magoi, e poñeranse, ademais, escolleras e muros para encauzar a auga e evitar que circule libremente. No proxecto inclúese, asimesmo, a reparación dos camiños, a construción de cunetas, e outras actuacións que se rematarán cunha nova plantación e instalación de mobiliario urbano.

Parque Rosalía de Castro

O terceiro proxecto que presentou hoxe o Concelleiro de Infraestruturas aféctalle ó bancal inferior do Parque Rosalía de Castro. O seu presuposto é de 39.067 euros e o prazo de execución neste caso é de tres meses.

A actuación consiste na recuperación das escaleiras, a instalación dunha barandilla e tamén está prevista a recollida de augas pluviais procedentes do parque, ademais do acondicionamento de cunetas e a instalación de reixas e conducións para recoller as augas pluviais que se canalizarán a través da rede de saneamento municipal para impedir que arrastren a terra ata República Arxentina.

Multimedia