A Comisión de Planeamento do Concello estudará o luns o Plan Xeral

Jueves, 23 de diciembre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Delegada de Urbanismo, María Novo, destacou hoxe a transparencia coa que se tramitou o PXOM de Lugo que o luns vindeiro se tratará na Comisión de Planeamento, da que forman parte todos os grupos políticos do Concello e na que tamén participarán todos os técnicos municipais que emitiron os seus informes. Desa reunión sairá o documento definitivo que se someterá á consideración do Pleno da Corporación o día 30.

A Delegada de Urbanismo salientou que “este plan aprobouse cunha ampla maioría” e tamén destacou as recentes declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, nas que manifestou que o documento “está en harmonía coa Consellería”.

Novo lembrou que o PXOM irá ó Pleno “despois dun longo proceso, no que houbo dous meses de exposición pública, mantivéronse moitos contactos entre todos os grupos políticos durante dous anos, aprobouse cun amplo consenso en 2009, despois puxéronse tres arquitectos a disposición dos cidadáns para explícalles as dúbidas que tiveran, contestáronse todas alegacións, os grupos políticos dispoñen agora dun mes para consultalo en horario de mañá e tarde, o luns daráselles en soporte dixital o documento e os informes técnicos, remitiuse ó Xultado tanto o documento como os informes técnicos e, cando se aprobe, vaise colgar na páxina web do Concello”.

A Delegada de Urbanismo clarexou, a preguntas dos xornalistas, que o informe emitido polo Secretario do Concello “non aconsella unha segunda exposición pública”.

Para María Novo, o que sucede é que “cando un leva anos querendo que non se aprobe o Plan e non ten outro modelo, ten que buscar argumentos pero o informe non di o que queren que diga”.

“Os feitos son tozudos e a transparencia do documento é absoluta”, aclarou a Delegada de Urbanismo quen indicou que “aínda que a oposición se queixara de que non ía ter tempo dabondo para estudar o documento, ten un mes para consultalo e tamén ten a súa disposición todos os informes técnicos, ata para terxiversalos como se demostra”.