O Concello e a Fundación TIC promocionan a Muralla entre a mocidade cun curso de curtas sobre o Monumento

Viernes, 10 de diciembre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude e a Deputada e membro do Padroado do organismo dependente da Deputación fixeron entrega dos diplomas ós 15 participantes da acción formativa, incluída na programación de Lugo 10

Tras 50 horas de formación práctica e teórica, os cursillistas realizaron unha curta, duns seis minutos, titulada Si las piedras se hablasen que proxectaron na entrega

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, e a Deputada e membro do Padroado da Fundación TIC, Regina Polín, entregaron este venres os diplomas ós participantes no curso de curtametraxes sobre a Muralla, organizado polo organismo dependente da Deputación e o Concello de Lugo dentro do programa Lugo10, co que ambas as dúas administracións están a promocionar o Monumento bimilenario, con motivo do seu décimo aniversario como Ben Patrimonio da Humanidade declarado pola UNESCO.

Rosana Rielo destacou que “con este curso demostramos, unha vez máis, a calidade da canteira de artistas que temos na cidade. Quero agradecer a participación e implicación de todo o alumnado, dos profesores e dos extras que colaboraron na rodaxe e a Deputación coa Fundación TIC sen a cal este curso non sería posible”.

Pola súa banda, Regina Polín subliñou que “estes títulos son o premio polo traballo realizado durante estes meses, co que conseguimos poñer en valor un dos bens máis preciados da nosas cidade e da provincia”. Deste xeito, “tamén damos a coñecer o traballo que realiza a primeira Escola audiovisual da provincia, dando unha oportunidade ós xóvenes da provincia para comezar no mundo da imaxe e do son”.

50 horas de formación
Os 15 participantes no curso, de entre 14 e 30 anos de idade, todos eles nados na provincia ou ben estudantes ou traballadores en Lugo recibiron un total de 50 horas de formación -20 teóricas e 30 prácticas- que se desenvolveron no Centro de Produción de Programas da Fundación TIC, dende o 20 de outubro ata o 3 de decembro. Asimesmo, os cursillistas tiveron a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos na parte teórica coa gravación dunha curtametraxe na Muralla. A película, duns seis minutos de duración e que foi proxectada durante a entrega dos diplomas, leva por título Si las piedras se hablasen. É un relato autobiográfico do Monumento que fala en primeira persoa dende a súa construción ata o día de hoxe.

Tras recibir as nocións básicas para realizar a gravación, os alumnos presentaron varios guións, dos que saíu o elixido; planificaron a escaleta técnica e adicaron tres días a rodaxe da curta. As sesións formativas remataron coa montaxe da fita.

Máis promoción da Muralla
Esta iniciativa súmase ó Primeiro Concurso Nacional de Curtas e Maquetas, que contou coa participación dunha treintena de traballos audiovisuais e musicais, e cuxa entrega de premios tivo lugar o pasado 28 de novembro da man do Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, coincidindo coa clausura da Ludus Party. O certame foi impulsado tamén pola Deputación e o Concello de Lugo para potenciar fóra a imaxe da Muralla e da provincia, así como para fomentar a creatividade audiovisual entre a mocidade e a súa inserción laboral.

www.lugo10.es

Multimedia