A Xunta de Goberno acorda tramitar o estudo de viabilidade que presentou unha empresa para construír un complexo deportivo con piscina e pistas de paddle en San Fiz

Jueves, 07 de octubre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe tramitar o estudo de viabilidade para construír un complexo deportivo en San Fiz, que constaría de piscina e dúas pistas de paddle.

Segundo informou o Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, o Goberno local acordou poñer en marcha os trámites logo de que a empresa Ingesport Health and Spa Consulting presentara un estudo de viabilidade do complexo deportivo e os estudos preventivos elaborados pola arquitecta Susana Rodríguez Paz.

A proposta que fai a empresa, logo de facer un estudo de viabilidade económica e deportiva tendo en conta a poboación da cidade e os hábitos deportivos dos lucenses, suporía dotar á Lugo do cuarto vaso de piscina o que nos situaría por riba da media nacional neste tipo de instalacións.

Ademais da construción da piscina e os seus espazos complementarios, o proxecto supón a construción de dúas pistas de paddle. O complexo deportivo levantaríase nunha parcela de 18.000 metros cadrados situada en San Fiz, a superficie construída achegaríase ós 5.000 metros en tres plantas e tamén se prevé a construción de cen prazas de aparcadoiro.

O investimento previsto, que correría por conta da empresa adxudicataria, é duns 4.300.000 euros.

Díaz Grandío sinalou que o acordo da Xunta de Goberno Local exporase durante un mes a información pública e deseguido comezarán os prazos para a licitación do proxecto, que se executaría polo sistema de contrato de concesión de obra pública semellante ó que se aplicou no caso da Fábrica da Luz.

O Concelleiro informou que “esta é unha vía que permite acometer unha nova infraestrutura deportiva para a cidade sen ter que investir recursos municipais para levar a cabo o proxecto”. Tamén explicou que a empresa que resulte adxudicataria “poderá facer a explotación das instalacións deportivas durante o prazo de 40 anos que marca a lei e deberá ingresarlle un canon a cambio ó Concello”.

Díaz Grandío dixo tamén que o contrato de concesión de obra pública “é polo que optaron moitas cidades para executar infraestruturas e en Lugo é relativamente novidoso xa que só se empregou na Fábrica da Luz”.

Outros acordos

A Xunta de Goberno local tamén aprobou abrir o procedemento de adxudicación para contratar as obras de canalización eléctrica para media tensión na avenida de Madrid, cun presuposto de 231.894 euros. O voceiro do Goberno local, José Rábade explicou que a importancia deste proxecto radica en que “permite cerrar o acto da cidade de xeito que se se produce algún fallo no subministro sempre haberá unha alternativa ben polo Norte ou o Sur da cidade”.

Outro asunto aprobado foi a adxudicación definitiva á empresa A Billarda para levar a cabo o programa de intervención e pedagóxico “Aprende xogando” cun presuposto de 134.559 euros.

Multimedia