O Concello dará axudas para pasar a ITE a veciños con poucos recursos

Martes, 09 de noviembre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo pon en marcha unha liña de subvencións para axudar a facer a inspección técnica de edificios ós veciños que teñan escasos recursos económicos, segundo anunciou hoxe a Delegada de Urbanismo, María Novo.

As axudas daranse a todas as persoas con recursos escasos que pasen a inspección técnica de edificios no período voluntario, é dicir antes do 31 de decembro. A Delegada de Urbanismo lembrou que antes desa data están obrigados a pasar a ITE todos os edificios construídos antes de 1951.

María Novo explicou tamén que “todos aqueles que non pasen as súas inspeccións no tempo que lles corresponde e teña que facelo o Concello subsidiariamente, non terán subvención algunha para pagar a inspección”.

O Concello adica unha partida de 30.000 euros a estas subvencións das que se poderán beneficiar os veciños con poucos recursos e que non sexan propietarios de máis dun inmoble. As persoas que cumpran estes requisitos e que xa pasaran a ITE ou a teñan encargada para facela antes do 31 de decembro poderán solicitar a axuda.

A achega que fará o Concello será do 75% do importe pagado pola revisión cun máximo dos honorarios establecidos no convenio que asinou a institución cos colexios de Arquitectos e Aparelladores.

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, que se producirá a finais desta semana ou primeiros da próxima, segundo as previsións da Delegada de Urbanismo.

María Novo explicou que nas bases dáselles prioridade as persoas discapacitadas ou que teñan algún discapacitado ó seu cargo, e a maiores de 65 anos, en segundo lugar ás familias numerosas e a continuación a familias monoparentais que teñan fillos ó seu cargo.

Novo indicou que “cremos que cos 30.000 euros haberá cartos dabondo pero, se non chegase logo de atender as peticións que se atopen nas tres situacións ás que se lles dá prioridade, o diñeiro restante prorratearase de xeito que garantimos que todos os veciños con recursos escasos recibirán axuda municipal para facer a inspección”.

A Delegada de Urbanismo tamén deu conta de que a Asesoría Xurídica emitiu un informe favorable ó Goberno local, que fora pedido polo PP, sobre o bando do Alcalde que modificou a disposición transitoria segunda da Ordenanza da ITE.

Inspección Técnica de Edificios - ITE

Multimedia