156 vivendas de Lugo rehabilítanse nun ano e medio cun investimento de case que 1,5 millóns de euros

Martes, 24 de mayo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

López Orozco considera que a rehabilitación do Sagrado Corazón é o modelo que se debe seguir noutras zonas da cidade como o barrio de Montirón

O Alcalde en funcións, José López Orozco, e a Delegada de Urbanismo en funcións, María Novo, fixeron hoxe balance das intervencións realizadas nas dúas Áreas de Rehabilitación Integral de Lugo, o Centro histórico da cidade e o barrio do Sagrado Corazón. Nun ano e medio as dúas Áreas de Rehabilitación Integral de Lugo reciben un investimento de case que 1,5 millóns de euros para executar 156 obras, das que xa están feitas 55.

López Orozco salientou a importancia de que os veciños se involucraran neste traballo que levan a cabo as administracións para rehabilitar vivendas das dúas zonas da cidade e para mellorar a calidade de vida das persoas que residen no centro e no barrio do Sagrado Corazón.

“Non só arranxamos un problema senón que temos un modelo e é o do Sagrado Corazón”, dixo o Alcalde en funcións, e sinalou que ese modelo debe seguirse noutras zonas da cidade como o barrio do Montirón. Tamén destacou a importancia de que os veciños se involucren, como fixeron os do Sagrado Corazón.

López Orozco sinalou que “obras como estas facilitan que a xente poida vivir mellor e un ARI pode lograr esto”, aínda que considera que este tipo de intervencións pódense facer tanto nun barrio enteiro como en determinadas rúas ou mazás de vivendas.

Pola súa parte, a Delegada de Urbanismo en funcións informou de que entre maio de 2010 e maio de 2011 realizáronse 55 actuacións por importe de 437.759 euros no Centro histórico da cidade, financiados polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. No Casco histórico están en execución na actualidade outras 46 actuacións que estarán rematadas a finais de ano, nas que se invisten máis de 400.000 euros.

No barrio do Sagrado Corazón xa están rematadas 159 actuacións, ás que se adicou un presuposto de 1.200.000 euros e estanse a executar outras 55 cunha inversión aproximada de 500.000 euros.

María Novo salientou tamén “o esforzo complementario que fará o Concello neste barrio, xa que executará con cargo ós seus presupostos o proxecto de creación dun ascensor que facilite o acceso ó barrio, logo de rehabilitar todo o barrio, un labor que se fixo en tres fases para mellorar a calidade de vida dos veciños do Sagrado Corazón”.

Novo tamén destacou o esforzo económico que fai o Concello que gastou 100.000 euros ó asumir máis da metade do custo que supón manter a Oficina de Rehabilitación de Lugo.

Multimedia