O Concello aproba o Plan estratéxico de subvencións para 2011 que inclúe axudas á rehabilitación e para adecentar espazos do paseo interior da Muralla

Miércoles, 23 de marzo de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno tamén aprobou a bonificación do 50% na licenza para empresas que se instalen no polígono das Gándaras

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o II Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Lugo correspondente a 2011 que ten un presuposto de 4.818.900 euros, o que supón un incremento do 15% respecto ó ano pasado.

Segundo explicou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, “este aumento nas subvencións supón un importante esforzo que fai o Concello neste momento de axustes”. Méndez explicou que o aumento no presuposto das subvencións débese ás partidas adicadas a dous apartados: a rehabilitacións de vivendas no Casco histórico e no barrio do Sagrado Corazón e ós 500.000 euros que vai adicar o Plan Urban a subvencionar ás comunidades de propietarios para que poidan recuperar e adecentar espazos do paseo interior da Muralla. Esa partida engádese ás subvencións que xa viña concedendo o Plan Urban para a mellora de establecementos e a creación de negocios no Centro histórico.

Méndez lembrou que ata agora fixéronse actuacións para crear o paseo interior da Muralla en solo público pero as novas subvencións contribuirán a adecentar as zonas que son propiedade de comunidades de veciños. “Este é o xeito no que legalmente podemos actuar porque o PEPRI non prevé expropiacións”, explicou a Concelleira de Economía. Tamén indicou que “as subvencións poden ser tanto para eliminación de maleza como para a demolición de alpendres ou doutras instalacións”.

Clubes deportivos e asociacións sociais

A Concelleira de Economía indicou que as subvencións do Concello beneficiarán este ano a máis de 40 clubes deportivos e máis de 30 asociacións sociais e ongs. Neste sentido, Méndez recalcou “o esforzo que fai o Concello nestes tempos de axustes mentres a Xunta recorta as súas subvencións nun 9% obrigando a apertar o cinto dos que máis o necesitan o diminuír as axudas a asociacións sociais”.

Tamén anunciou Sonia Méndez que o Concello vai tomar medidas “para dar máis axilidade a tramitación das subvencións e que non haxa retrasos nos pagos dos cartos que lles corresponden tanto a clubes deportivos como a entidades como Cáritas ou Cogami”.

Partidas

O orzamento do Plan Estratéxico de Subvencións para este ano desglósase así:

-Deportes 1.149.000 euros
-Cultura 327.080 euros
-Transportes 35.000 euros
-Educación 22.800 euros
-Xuventude: 6.750 euros
-Muller 27.500 euros
-Servizos Sociais 528.600 euros
-Participación Cidadá 118.170 euros
-Promoción de Emprego e Industria (incluíndo o Plan URBAN) 866.000 euros
-Zona Rural 15.000 euros
-Urbanismo-Rehabilitación 1.523.000 euros
-Alugueiro de Vivendas e Accesibilidade 149.000 euros
-Saúde 51.000 euros

Bonificación polígono das Gándaras

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe o proxecto de modificación da Ordenanza reguladora do Imposto sobre construcións, instalacións e obras. O proxecto consiste en establecer unha bonificación do 50% na cota deste imposto para obras de nova planta que se instalen no Polígono das Gándaras. A medida terá vixencia durante dous anos e o seu obxectivo é favorecer a implantación de empresas nas Gándaras para crear emprego en Lugo. O acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno someterase a votación no vindeiro Pleno do Concello, o día 4 de abril.

A Concelleira de Economía declarou que esta bonificación pretende “favorecer que as empresas elixan o parque empresarial de Lugo para establecerse”. Méndez indicou que a redución no imposto “é para obras de nova planta que se consideren de especial interese e utilidade municipal por concorrer circunstancias favorecedoras do fomento de emprego polo feito de que se implantarán actividades comerciais e empresariais no polígono das Gándaras”.

Sonia Méndez tamén comunicou que o Concello está a elaborar unha proposta que lle fará chegar á Xunta para colaborar nunha campaña de difusión do novo polígono das Gándaras.

Licenza para restaurar a Catedral

Outro acordo destacado da Xunta de Goberno Local foi a concesión da licenza para a restauración da fachada principal da Catedral de Lugo, na praza de Pío XII, que solicitou o Bispado. O proxecto conta con autorización de Patrimonio da Xunta. O presuposto dos traballos de restauración é de case 314.000 euros e o prazo de execución da obra, de 12 meses.

Multimedia