A Concelleira de Economía informa da nova convocatoria de axudas do Plan Urban ós empresarios de hostalería do casco histórico

Lunes, 17 de enero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Os hostaleiros poderán pedir subvencións para poñer calefacción nas terrazas que teñen máis demanda coa entrada en vigor da lei que prohibe fumar no interior dos establecementos

O Plan Urban leva concedido máis de 136.000 euros en axudas a 85 establecementos do centro, 26 deles locais de hostalería

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, reuniuse esta mañá con hostaleiros do casco histórico de Lugo para presentarlles as novas axudas do Plan Urban, que se convocarán nos vindeiros días, segundo anunciou a Concelleira.

Sonia Méndez destacou nunhas declaracións ós medios de comunicación previas á celebración do encontro que “o obxectivo destas axudas ós establecementos de hostalería situados no casco histórico é o de contribuír a dinamizar economicamente o centro da cidade”.

A Concelleira salientou que este programa de subvencións “está funcionando moi ben” como o demostran as solicitudes de axudas recibidas ata o momento. Así, sinalou que desque se puxo en marcha o Plan Urban, 85 establecementos do centro recibiron axudas por un importe de 136.360 euros. Destas axudas, 53 foron para rótulos, 21 para adecentamento de fachadas e 11 para mobiliario de terrazas e foron 26 os establecementos de hostalería que se beneficiaron ata agora das subvencións do Plan Urban.

Méndez indicou que un dos temas principais da xuntanza que hoxe mantivo cos hostaleiros é a posibilidade de acollerse a subvencións para instalar calefactores nas terrazas dos establecementos de hostalería para dar cumprimento á lei antitabaco que prohibe fumar no interior dos locais. A Concelleira explicou que “xa foron moitos os empresarios que amosaron o interese pola posibilidade de acceder a axudas para a colocación de calefactores”.

Outro asunto que se abordou no encontro da Concellería de Economía e Emprego cos hostaleiros do centro foi o uso de madeira no mobiliario das terrazas. Sobre este aspecto, Méndez manifestou que “temos colaboración co Centro Galego de investigación da madeira que asesora ós hostaleiros sobre cales son os materiais máis acaidos para o mobiliario que se usa no exterior e tamén sobre o tratamento que se lle debe dar”.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia