O proxecto "Radares Xuvenís" consegue unha subvención europea

Martes, 23 de noviembre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou hoxe o programa Radares Xuvenís, un proxecto apoiado polo Concello de Lugo dende o ano 2006, que acaba de conseguir unha subvención da Unión Europea, na liña de Xuventude en Acción, por un importe de 32.555 euros.

Para a liña de subvencións Xuventude en Acción, presentáronse 24 propostas, das que foron seleccionadas catro, unha delas a de Lugo, que foi a que acadou o maior importe presupostario. Este programa conta con socios europeos nas cidades de Mesâo Frio (Portugal) e Alessandría (Italia). A Unión Europea e o Goberno de España avalan un proxecto que conta tamén coa participación da Fundación TIC.

A Concelleira de Xuventude destacou que “é un orgullo conseguir o apoio para un proxecto que dende o Concello de Lugo se apostou moi forte, e ademais en solitario”. O programa Radares Xuvenís pretende fomentar unha democracia participativa entre os máis novos, “un reflexo, unha voz real, á voz dos mozos da cidade”, sinalou Rosana Rielo.

Unha das novidades máis salientables deste proxecto son os presupostos participativos, unha iniciativa pioneira, que segundo explicou a Concelleira, “supón unha democracia participativa para os xóvenes, na elaboración de políticas de xuventude”.

Unha parte dos presupostos serán xestionados polos propios Radares Xuvenís, xa que serán eles os que decidirán en que actividades gastar o presuposto asignado. “Unha aposta clara pola xuventude, unha forma de que se involucren coa cidade e teñan máis coñecemento dunha vida en democracia”, comentou a Concelleira.

Segundo anunciou a Concelleira de Xuventude, as actuacións máis destacadas do programa son:

- O intercambio entre os socios do proxecto de metodoloxías vinculadas ás necesidades e desexos dos xóvenes, relativas á vida democrática.

- A creación dun blog. Unha das partes máis fortes do proxecto xa que este será o medio para a comunicación entre a xuventude dos países participantes. Ademais, o blog seguirá en activo trala finalización do proxecto subvencionable (1 de decembro de 2010 ata o 30 de novembro de 2011).

- Un taller trasnacional de ideas. Os mozos participantes de Mesâo Frio (Portugal) e Alessandría (Italia) viaxarán ata Lugo no segundo trimestre de 2011.

- Posta en funcionamento dos presupostos participativos. Seleccionaranse as ideas dos xóvenes a través dos seus radares.

- Un seminario final de difusión de resultados. Será en Bruselas, no terceiro trimestre de 2011, e que contará coa participación de rapaces e rapazas de Lugo.

Nos vindeiros días publicaranse as convocatorias para que os rapaces e rapazas poidan inscribirse no programa Radares Xuvenís.

Multimedia