O Alcalde asistiu á presentación dun navegador xeográfico cos recursos medioambientais, culturais e turísticos da provincia creado pola Deputación

Jueves, 17 de febrero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañou esta tarde ó Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na presentación do navegador xeográfico deLugo, no que se poñen a disposición dos veciños e turistas todos os recursos e atractivos existentes nas tres Reservas da Biosfera e no Courel, tanto ambientais, como culturais, turísticos e empresariais. Trátase dun Sistema de Información Xeográfica (SIX), o primeiro sobre as Reservas creado en Galicia, que permite ó usuario navegar por un mapa da provincia e, poñéndose enriba do lugar que lle interesa, descubrir todo tipo de información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse, así como de ofertas de lecer ou eventos culturais. O obxectivo é difundir a riqueza e as empresas no territorio das tres Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e do Courel, así como poñelas en valor como oportunidade económica que son.

14 persoas, entre informáticos, enxeñeiros en topografía e deseño, traballaron durante meses no que Gómez Besteiro definiu como “o Google medioambiental da provincia”, e ó se pode acceder a través das direccións www.delugo.org ou www.delugo.es A presentación celebrouse no Centro de Interpretación Terras do Miño e contou coa asistencia, ademais do Alcalde de Lugo, José López Orozco, doutros 15 alcaldes máis das Reservas e do subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, así como de representantes do mundo empresarial vinculado ó medio ambiente. O proxecto conseguiu o 70% do financiamento da Unión Europea a través do programa Lugo2, co que a Deputación fixo unha forte aposta para demostrar que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia.

O Sistema de Información Xeográfica deLugo facilita a veciños e visitantes información do patrimonio ambiental, cultural e turístico, como rutas de sendeirismo, ciclismo e marítimas, praias, árbores senlleiras, coutos e áreas de pesca, previsións meteorolóxicas, todo tipo de aloxamentos, restauración, feiras e festas, museos, oficinas de turismo e campos de golf. Figuran así mesmo as adegas e recursos enolóxicos da Ribeira Sacra, dando así resposta a un compromiso adquirido polo Presidente da Deputación.

En deLugo inclúense por outra banda referencias á actividade da Deputación en canto á construción de parques industriais -que desenvolve a través da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa)- e ás súas previsións nesta materia.

Innovación constante
O navegador xeográfico estará en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais iranse sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. É o caso das descargas de arquivos en dispositivos móbiles, como teléfonos, PDA ou XPS. Xa é posible descargar información de varias rutas de sendeirismo e do programa Km0 pero, de xeito progresivo, incorporaranse a totalidade deste ambicioso programa medioambiental impulsado pola Deputación, que suman 127 itinerarios. Respondendo a outro compromiso, o Presidente explicou que tamén figuran as distintas alternativas do Camiño de Santiago na provincia, incluído o Camiño de Inverno -que segue pendente da declaración oficial por parte da Xunta de Galicia-. Neste senso, integrarase proximamente o Camiño do Mar, por cuxo recoñecemento oficial tamén está a apostar o organismo provincial ó tempo que ultima unha publicación específica sobre o mesmo. Outra mellora prevista para as próximas semanas será a introdución dos nomes das estradas locais entre parroquias de Lugo.

Aberto ás empresas e produtores
Aquelas empresas de servizos ou produtores que así o desexen teñen a posibilidade de darse de alta de maneira gratuíta neste buscador, que constitúe polo tanto unha potente ferramenta de promoción. Actualmente xa hai máis de 200 firmas colaboradoras. Para anunciarse, o interesado tan só ten que entrar no sitio web e rexistrarse como novo usuario no apartado “LugoEmpresa”. Tamén con respecto a esta cuestión se levarán a cabo melloras nas próximas datas, pois as empresas que se den de alta pasarán a figurar automaticamente no navegador do Sistema de Información Xeográfica, é dicir, posicionadas nun completo mapa.

En deLugo, os usuarios atoparán así mesmo unha actividade denominada “Xeobuscas”, consistente en propoñer e descubrir “tesouros” en calquera lugar da provincia. Estes “tesouros” serán bens que se consideren de interese, como, por exemplo, un monumento ou árbores senlleiras e únicas.