O Concello de Lugo axuda á creación de novas empresas na zona Urban e aposta polo mantemento de postos de traballo

Miércoles, 25 de agosto de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou a apertura do prazo para a solicitude de axudas a empresas e para o apoio de novas actividades económicas na zona Urban.

Serán por un total de 135.000 € e dada a situación actual de desemprego, e sendo a creación de emprego un dos obxectivos fundamentais do proxecto URBAN, estas subvencións condiciónanse ao investimento no centro histórico e á creación de postos de traballo.

A convocatoria recolle que se apoiará a creación de novas empresas e a apertura de novos centros de traballo na zona URBAN, concedendo financiamento a fondo perdido ao investimento nos centros de traballo desta área, sempre que vaia unido á creación de emprego.

Estas axudas están destinadas tamén a aquelas novas empresas que se trasladen dende os viveiros de empresas da cidade (CEI Municipal, Cámara de Comercio ou CEL) ata a zona Urban, sempre que manteñan os postos de traballo, neste caso, non será necesaria a creación de postos novos.

O eixe de intervención no que se encadra esta actuación, contempla o apoio á implantación na zona URBAN de empresas de servizos especialmente nos ámbitos do turismo, a restauración e a hostalaría, o comercio, os oficios de carácter artesanal, os servizos a estas empresas, etc.

Empresas beneficiarias
Poden solicitar esta liña de axudas as pemes, independentemente da súa forma xurídica, que estean nunha das situacións seguintes:

1) Empresas (de nova creación ou constituídas previamente) que abran un centro de traballo na zona URBAN en 2010, no que realicen un investimento e xeren postos de traballo de duración mínima dun ano, sempre que supoñan un incremento do número total de traballadores da empresa durante ese período. Os novos traballadores deben estar en desemprego dende o 1 de xullo de 2010.

2) Empresas con menos de 5 anos que se trasladen dende os viveiros do Concello (CEI), da Cámara de Comercio ou da CEL e manteñan o nivel de emprego durante un ano a partir do momento de concesión.

Para os efectos do cálculo da axuda son computables tanto os traballadores por conta allea como a incorporación de socios traballadores.

Gastos Subvencionables
Subvencionaranse os investimentos en activos fixos novos na zona URBAN, para a posta en marcha da empresa ou para a instalación dun novo centro de traballo, vinculados á creación de postos de traballo ou ao mantemento do emprego no caso das empresas que proveñen dos viveiros.
Os conceptos subvencionables son:

BLOQUE A:
- Maquinaria e ferramenta
- Mobiliario
- Equipos informáticos considerados de sobremesa (nunca os portátiles) para a súa instalación e uso no local para o que se solicita a axuda. En ningún caso se incluirán outros dispositivos móbiles. Financiaranse aplicacións informáticas (propiedade ou licenzas que dan dereito ao uso) directamente vinculadas coa actividade e o desenvolvemento da web corporativa ata un máximo de 4.000 €.
- Outro inmobilizado material destinado ao local.

BLOQUE B:
- Compra, construción ou rehabilitación do local, incluíndo a conexión de servizos, a instalación de rótulos comerciais e os honorarios técnicos, estes últimos cun máximo do 4% do custo de execución material.

BLOQUE C:
- Terreos

Axuda de entre o 40 e o 50% do total a fondo perdido
A axuda será do 50% do total de gastos considerados a fondo perdido no caso de microempresas e pequenas empresas, e do 40% no caso de medianas empresas cun límite por posto de traballo creado ou mantido (no caso de traslados de viveiros) a xornada completa cunha duración mínima dun ano de:
  -6.000 € por cada posto ocupado por homes
  -8.000 € por cada posto ocupado por mulleres

Nos casos nos que as/os traballadoras/es proveñan dalgunha actuación formativa promovida no marco do Proxecto URBAN, os importes máximos por posto de traballo incrementaranse en 4.000 €.

No caso de postos de traballo a tempo parcial farase un rateo para o cálculo da axuda máxima.

Cada empresa beneficiaria pode recibir unha axuda máxima para un novo centro de traballo de 40.000 €.

En virtude dos límites impostos pola normativa minimis, a axuda recibida non pode facer que o importe total de axudas deste tipo recibidas durante un período de tres anos sexa superior ao límite de 200.000 €, agás as axudas ás empresas que operan no sector transporte nas que este límite será de 100.000 €.

Lugar, prazo e documentación a presentar
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lugo, Ronda da Muralla nº 197 en horario de 9 a 14 horas (de luns a venres), ata o 30 de setembro de 2010.

Á devandita solicitude acompañarase orixinal ou orixinal e copia para a súa compulsa de:
- NIF da empresa ou do empresario, en caso de empresa individual.
- En caso de sociedades e outras entidades, NIF do representante e poder.
- Informe de vida laboral das/os promotoras/es que sexan persoas físicas e vaian ser socias/os traballadoras/es.
- TC2 da empresa do mes de xullo de 2010, mes a partir do cal se computará o incremento de postos de traballo. No caso de traslados de empresas dende viveiros, presentarase o TC2 do mes anterior á solicitude de axuda, mes a partir do cal se computará o mantemento de postos de traballo.
- Plan de empresa. No caso de novos centros de traballo ou traslado dende un viveiro cubrirase igualmente adaptado á súa situación e acompañarán as contas anuais aprobadas dos dous últimos exercicios fiscais.
- Título polo que se posúe o inmoble para o desenvolvemento da actividade e, no caso de obras, permiso da propiedade (se non é a solicitante) para executalas.
- Os seguintes documentos sobre os investimentos:
   - No caso de compra de inmobles ou terreos, valoración realizada por taxador independente, no que figure claramente separado o valor do solo e da edificación.
   - No caso de obras: memoria, presuposto con medicións e prezos unitarios, planos suficientes que permitan a perfecta comprensión da intervención: materiais a utilizar, dimensións, acabados, cores, etc.
   - Outros investimentos: presupostos asinados polos provedores e con prazo de validez. Estará detallado a nivel de custo por unidades e cunha descrición tal que permita a obtención de presupostos doutros provedores, para os efectos de comprobar que o seu importe non é superior ao de mercado. Se é o caso, achegarase tamén a documentación gráfica suficiente, fotografías e esbozo para a perfecta comprensión da intervención.
   - Presupostos doutros gastos e valoración das taxas vinculadas ao investimento que constitúen gasto non recuperable.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de obra, ou de 12.000 euros nos demais casos,o beneficiario presentará como mínimo tres ofertas de diferentes provedores.

   - Fotografías en formatos dixital e papel do inmoble (exteriores e interiores do local ou oficina) que será sede da actividade, antes do inicio dos investimentos ou instalación.
   - No caso de que o/a solicitante opte por non autorizar ao Concello de Lugo a realizar as consultas sobre a súa situación de estar ao corrente de pagamentos coas administracións públicas, deberá achegar os certificados emitidos en soporte papel pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Seguridade Social e a Xunta de Galicia nos que se certifique tal aspecto.

Poderase solicitar toda a información que se considere necesaria para a comprobación do cumprimento dos requisitos e a correcta valoración da intervención.

Dende o Concello comprobarase que o local ten licenza que habilite o funcionamento da actividade (no momento da solicitude pode estar en trámite, e debe estar concedida necesariamente o día que remata o prazo de xustificación) e que o solicitante non ten débedas co Concello de Lugo.

Valoración das solicitudes
Unha Comisión de Valoración puntuará as solicitudes tendo en conta:

- Viabilidade: valorando o coñecemento do sector e as posibilidades de negocio que ofrece na zona, baseadas nun correcto coñecemento do mercado, a dedicación dos promotores, a adecuación do montante de inversión proposta en relación coa actividade e o financiamento previsto……….............Ata 50 puntos.

- Lugar do novo centro de traballo…….............................................Ata 50 puntos.

   - Praza de Abastos: ………………………………………………….50 puntos.

   - Local comercial ocupando planta baixa visible dende a vía pública: 20 puntos.

   - Outros locais (en locais interiores de galerías ou plantas altas): 10 puntos.

- Participación dunha empresa con máis de 5 anos como socia promotora cunha participación entre o 20 e o 49%............................................................30 puntos.

- Traslado dun viveiro de empresas ……………..………..………………..20 puntos.

Plan Urban
O Concello de Lugo está a executar o Proxecto URBAN (Iniciativa URBANA), aprobado polo Ministerio de Economía e Facenda o pasado 11 de xuño de 2008, co cofinanciamento do 70% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), cuxo obxectivo é o desenvolvemento integrado do centro histórico da cidade no seu ámbito coincidente coa área PEPRI.

O obxectivo xeral do Proxecto URBAN é a rexeneración económica e social do centro histórico a través dun programa integrado que implique un aproveitamento dos recursos endóxenos da cidade, centrándose na rehabilitación, intervención en espazos públicos e a revitalización comercio-turismo dende unha perspectiva de sostibilidade e participación cidadá.

Este obxectivo xeral concrétase nos seguintes obxectivos específicos:

* Revitalización comercial do centro histórico, aproveitando os recursos endóxenos da cidade
* Revitalización demográfica da zona URBAN
* Promover a creación de empresas e a xeración de emprego
* Humanizar a cidade e mellorar a súa habitabilidade
* Mellorar a oferta cultural e social dirixida especialmente aos mozos
* Ofrecer maiores posibilidades profesionais aos mozos titulados
* Favorecer a relación Administración- Universidade- Empresa
* Favorecer a inclusión social dos colectivos desfavorecidos

 www.lugo.es/urban