O Concello de Lugo abre o proceso de licitación da explotación da cafetería anexa ao CEI-Nodus

Miércoles, 02 de diciembre de 2009
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno local do Concello de Lugo aprobou esta mañá a apertura do procedemento de licitación para contratar a explotación da cafetería-restaurante anexa ao Centro de Empresas e Innovación.

Segundo indicou o Voceiro do equipo de Goberno, José Rábade, unha vez rematada a obra, e dada a demanda existente neste complexo polo persoal do centro e o alumnado, así como das empresas alí instaladas, procederase a abrir este proceso de licitación.

O prazo máximo para a explotación será de 5 anos con posibilidade de prórroga de ata catro anos máis. En canto ao canon a pagar polo adxudicatario, establecerase nun mínimo de 1.000 euros mensuais, resultando finalmente o ofertado na súa proposta .

A cafetería estará aberta ao público (incluíndo festivos) todos os días da semana menos o domingo. En horario de 8.00 a 21.00 horas como mínimo e ata as 24.00 horas como máximo. Establécese o horario de comidas entre as 13.00 e as 16.00 horas, establecendo un prezo máximo do menú de 9 euros.

San Marcos
Por outra banda, o Concelleiro indicou que a Xunta de Goberno aprobou tamén a selección do gañador do Concurso para a redacción do proxecto das obras de peonalización e adecuación da contorna da Rúa San Marcos. “Dase un paso máis para levar a cabo unha gran aposta e un compromiso asumido polo Alcalde e o Presidente da Deputación Provincial cos veciños e veciñas de Lugo”, indicou.

O gañador do concurso de ideas, entre os 10 presentados, foi o de Dopi Arquitectos Asociados SLP, Camina Ingeniería S.L. e Arborejardin SL. O xurado do concurso destacou a súa calidade e a proposta para a recuperación deste espazo público e a adecuación do contorno; ademais polas medidas de accesibilidade propostas.

A intervención proposta consiste na peonalización da rúa San Marcos, a execución dunha praza fronte ao edificio da Deputación Provincial, integrando na trama urbana os carrís laterais deste edificio e a adecuación dos xardíns como zona de estancia, así como a súa inclusión no denominado paseo interior da Muralla.

Todas estas actuacións inclúense no Proxecto Urban que conta cun 70% de cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER). A proposta presentada conta cun presuposto de 1.650.000 euros e un prazo de execución de 8 meses.

Outros asuntos
Por outra banda a Xunta de Goberno aprobou un total de oito licenzas de obra e dúas de primeira utilización. Ademais, aprobouse un convenio para colaborar coas becas Feuga co obxectivo de formar a licenciados e diplomados e mellorar a súa competencia profesional para ampliar sus posibilidades de inserción laboral mediante prácticas no Concello.