O Alcalde de Lugo visita o Parque de Paxariños que a partir de mañá venres 17 de xullo estará aberto ao público

Jueves, 16 de julio de 2009
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, visitou esta tarde o Parque de Paxariños acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro. O parque, no que o Concello realizou un investimento de 1,5 millóns de euros, estará aberto ao público a partir de mañá venres 17 de xullo.

O parque súmase aos 1.390.600 metros cadrados de zonas verdes cos que conta a cidade, 113 hectáreas. O espazo visitado polo Equipo de Goberno inclúe boa parte das ladeiras de Fontiñas co 50% do terreo acondicionado, máis de 45.000 metros cadrados.

Tal e como explicou o Alcalde de Lugo, o proxecto supuxo unha profunda rehabilitación da zona na que existía moita maleza, prados e hortas dispersas. O Concello procedeu á plantación das árbores, así como á limpeza dos xa existentes, en moitos casos centenarios. O parque conta cunha diversa variedade de arbolado e frutales, tales como cerzos, figueiras, sauces, maciras, etc.

Así mesmo, acondicionouse a zona con camiños, algúns deles de nova construción e outros recuperados, zonas con pavimento de pizarra e granito con xuntas de céspede.

Ao longo de dúas anos os integrantes do PILES realizaron diferentes actuacións no parque para convertelo nun espazo adecuado para o desfrute de todos os lucenses. As actuacións realizadas polos traballadores inclúen a construción de muros de pedra de manpostería, a execución de saneamento e canalización de augas, execución de rigolas (canais de desaugue), e a construción dunha enorme pérgola cunha estrutura de madeira.

Así, tal e como destacou o Alcalde de Lugo, o parque non só servirá como un novo espazo de ocio e desfrute para os lucenses senón que seguirá colaborando no fomento e mantemento do emprego da cidade. Neste sentido, destacou que proximamente se acometerán as obras que permitirán acondicionar a totalidade da superficie de Paxariños.

Multimedia