Os Alcaldes de Lugo e Surquillo mantiveron unha xuntanza para compartir experiencias da xestión municipal

Miércoles, 27 de febrero de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu xunto aos voceiros dos tres grupos políticos municipais, ao Alcalde da cidade peruana de Surquillo, Gustavo Sierra Ortiz, nun acto que tivo lugar este mércores, 27 de febreiro, ás 11:45 horas no despacho de Alcaldía.

O mandatario municipal surquillano está de visita na cidade dende o pasado día 24 de febreiro para coñecer de preto o funcionamento dos distintos servizos municipais lucenses, para o que permanecerá ata o vindeiro 1 de marzo. Acompañado dende a súa chegada polo Concelleiro de Medioambiente, Lino González-Dopeso, Gustavo Sierra está a manter reunións con todos os xefes de servizo do Concello de Lugo e realizando visitas a todas as dependencias municipais.

Na recepción López Orozco manifestou a súa satisfacción “porque estes días estivemos compartindo a vida municipal con fin de compartir experiencias, xa que os concellos melloramos na medida na que compartimos experiencias”. O Alcalde lucense destacou que “esta visita servirá para tecer redes de cooperación entre as dúas cidades, coordinar esforzos e traballar en común”.

López Orozco expresou que os concellos teñen que atopar fórmulas de cooperación para fortalecer as institucións democráticas e establecer liñas de colaboración para desenvolver proxectos humanitarios, como o desenvolto polo Concello lucense que colaborou con financiación económica na construción dunha sección de pediatría no Hospital General de Lima.

Gustavo Sierra manifestou que o compromiso político do seu goberno é traballar cos valores humanos para fomentar unha convivencia pacífica entre os cidadáns nunha das cidades máis inseguras e con maiores índices de violencia de Perú. Baixo a frase “Surquillo está cambiando, cambia ti tamén” o alcalde explicou que nos últimos cinco anos os habitantes da cidade peruana estanse a volcar no cambio social; o alcalde detallou que os obstáculos son considerables como os feitos de concentrar 90.000 habitantes concentrados en 4’5 quilómetros cadrados, máis de 30.000 cans ou a presencia nas rúas perigosas bandas mafiosas.

Ambos mandatarios intercambiaron agasallos institucionais cos símbolos das cidades como son a medalla municipal e unha reprodución do bastón de mando de Surquillo e o pin de prata da Muralla de Lugo e o libro do monumento romano.