O Concello de Lugo opta a unha subvención de máis de 193.000 euros para obras realizadas na cidade

Jueves, 14 de febrero de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, anunciou que o Concello de Lugo opta a unha subvención do Fondo Europedo de Desarrollo Regional (FEDER) para obras xa realizadas en diferentes zonas da cidade. Esta financiación provén dos remanentes das baixas que se ían producindo nas obras que se realizaron nos diferentes concellos que optaron ós Fondos Feder no periodo 2000-2006.

O importe total da axuda FEDER asignada ao Concello de Lugo para o periodo 2000-2006 é de 2.115.908,00 € (financiamento do 70% do total das obras licitado). O Concelleiro indicou que “agora, para recibir os remantentes dos fondos, presentamos tres proxectos xa realizados por importe de 299.615 euros”.

Segundo a comunicación da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios recibida no Concello de Lugo, as tres actuacións adáptanse aos contidos e obxectivos establecidos no Programa Operativo Local 2000-2006, sendo todas elas subvencionables, polo que recibiríase preto do 70% do total, 193. 456 euros. Piñeiro indicou que “esta cantidade se pode incrementar, e aspiramos a recibir ata 204.000 euros”.

Actuacións

Proxecto de ordenación de espazo público na Rúa Río Mandeo

Mediante a execución deste proxecto pretendíase crear un espazo de descanso e ocio nun espazo público existente na rúa Río Mandeo que, previamente á execución das obras, non tiña ningún tipo de uso.

Neste barrio había unha importante demanda de zonas de xogos infantís e outros espazos de xogo para un amplo abano de idades.

A zona na que se pretendía actuar tiña unha forte pendente lonxitudinal, polo que se formulou unha actuación en chanzos ou bancais para salvar este desnivel. Aproveitando a xeometría rectangular da parcela creáronse tres zonas diferenciadas, dotando deste modo a esta nova praza dunha zona de descanso con bancos, árbores e iluminación público; unha zona cunha pequena pista de baloncesto e con bancadas perimetrales, e un terceiro bancal dedicado a xogos infantís. As obras foron inauguradas en maio do 2006.

Proxecto de repavimentación da Alameda. Praza Maior

O pavimento que existía na Alameda da Praza Maior estaba formado por arena. Este tipo de pavimento era incómodo para pasear, e arrastrado con facilidade cara o pavimento e escaleiras de granito, provocando as correspondentes molestias ós viandantes, así como cara as reixas e sumideiros existentes, que remataban colmatando e provocando un mal funcionamento da drenaxe.

Con este proxecto pretendíase dar solución a estes inconvenientes que presentaba o pavimento existente, ao mesmo tempo que se intentou manter a estética tradicional da Praza, cunha zona central de pavimento natural.

Seguindo estas premisas, formulouse a actuación de repavimentación da Alameda mediante un pavimento continuo natural fabricado a base de áridos e un ligante incoloro, obtendo un firme estabilizado que conservaba o aspecto e a cor natural do árido empregado. Ao mesmo tempo melloráronse as condicións de drenaxe superficial da praza incluíndo reixas e sumidoiros, e elimináronse discontinuidades no pavimento para dar cumprimento á normativa de supresión de barreiras arquitectónicas. As obras foron inauguradas en setembro de 2005.

Proxecto de remodelación da praza de Antonio Gandoy

Mediante esta actuación pretendíase remodelar o deseño da praza de Antonio Gandoy, situada ao final da Avenida de Madrid, unha das entradas principais de Lugo.

Antes de levar a cabo as obras, este espazo distribuíase nunha zona verde e unha pequena zona de praza pavimentada, con escaso mobiliario e o pavimento en mal estado.

No ano 2004 colocouse na praza unha estatua en homenaxe a D. Antonio Gandoy, coñecida en Lugo como "o cura da bicicleta". Pola propia configuración da praza a estatua quedaba parcialmente oculta por unha sebe, e situada nun espazo público degradado, deslucindo unha escultura que ten un grande valor sentimental para moitos lucenses.

Por outra banda, os itinerarios peonís existentes non facilitaban o tránsito de peóns dende un lado da praza ao outro, de tal forma que co paso continuado de veciños polo itinerario peonil máis demandado se formara un sendeiro pola zona verde para cruzar dende a Avenida de

Ramón Ferreiro ata Xosé Novo Freire, saíndo os peóns directamente á calzada da glorieta situada ao lado da praza e cruzando nun punto no que non existía paso de peóns, co conseguinte perigo que iso levaba consigo.

No ano 2006 reurbanizouse a Praza de Antonio Gandoy, creando un espazo ordenado, agradable, accesible e funcional para todos os veciños e cidadáns de Lugo, mellorando notablemente o ámbito urbano nesta zona.

A actuación consistiu na creación dunha zona verde, unha praza pavimentada na que quedaba integrada a escultura de Antonio Gandoy e uns itinerarios peonís que resolvían o problema de mobilidade existente nese punto. Proxectouse ademais a instalación de iluminación pública e unha iluminación ornamental para a escultura, así como a colocación de elementos de mobiliario urbano que humanizaron este espazo público.