Xuvenlugo encherá de ocio o Nadal lucense

Martes, 27 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, e o director xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron unha nova edición de Xuvenlugo . Como en pasadas edicións, Xuvenlugo volverá a encher de atraccións e xogos o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Do 6 ao 9, do 14 ao 16, e do 21 de decembro de 2007 ao 6 de xaneiro de 2008, Xuvenlugo ocupará os dous pavillóns e o corredor do recinto feiral lucense, establecéndose varias áreas.

PISTA DE XEO: volve a Xuvenlugo coma en edicións anteriores sendo de novo unha das atraccións estrela. Para patinadores afeccionados ou expertos de tódalas idades, cunha capacidade de 200 persoas.

PISTA PROFESIONAL DE KARTING E PISTA INFANTIL DE KARTS. O pavillón 1 do Pazo de Feiras e Congresos acolle na súa terceira participación un circuíto de karts destinado principalmente aos afeccionados ao mundo do motor. Tanto nenos coma adultos disporán de dous modelos de automóbiles cos que porán competir en destreza e velocidade. A pista conta con monitores especializados encargados de vixiar por unha condución axeitada.

PISTA DE MINIGOLF: Dado o éxito do pasado ano, a pista de Minigolf repite nesta nova edición de Xuvenlugo. Será unha pista de 230 m2, onde se situarán un total de 9 buracos, nos que poderán demostrar as súas habilidades golfísticas ata un total de 25 xogadores simultaneamente.

ATRACCIÓNS: Tren da bruxa, Twister, Saltamontes, Scalextric, Baby, Camas elásticas, Coches de choque, Dragón, Hinchables, Peneira... Atraccións do máis diverso que recrean o ambiente das festas das cidades e vilas, coa salvidade de que aquel que merque a súa entrada para Xuvenlugo adquirirá o dereito a subir tantas veces como queira a estas atraccións.

Obradoiros de animación e xogos
KARAOKE: Unha das novidades deste ano será un divertido Karaoke pensado para o entretemento de pequenos e maiores.

OBRADOIRO DE PINTURA DIVERMAGIC: Obradoiro patrocinado pola empresa de pinturas didácticas Divermagic, dirixido aos máis cativos. Nel, como xa é tradición poderán elaborar deseños relacionados co Nadal.

OBRADOIRO DE VIDEOXOGOS: A través de diferentes postos de consolas, os rapaces e rapazas que visiten Xuvenlugo poderán xogar entre eles, sempre con videoxogos de carácter didáctico (de deportes, habilidade, etc.)

PISTA DE SLOT: o circuíto de scalextric máis grande dos que se instalaron en ata agora en Xuvenlugo ocupará de novo a entrada do pavillón 2 do Pazo de Feiras. Con 90 metros de percorrido e tramo de rallie, medirá as forzas e habilidades de dous coches de competición.

MERCADIÑO DE XOGUETES DE COLECCIONISMO: espazo adicado a venda de todo tipo de xoguetes, actuais e de coleccionismo, onde se poderán atopar todo tipo de produtos dende 1 euro en adiante.