O programa Xoves con Arte continúa coa representación do musical Te quiero, eres perfecto Ya te cambiaré

Lunes, 19 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O programa Xoves con Arte deseñado pola Concellería de Xuventude coa finalidade de promover actividades de ocio relacionadas coa cultura, a arte e o humor entre a mocidade lucense continúa o vindeiro día 1 de marzo coa representación dun musical.

A segunda edición de Xoves con Arte, que comezou o pasado 1 de febreiro cun espectáculo de monólogos, achega nesta cita a obra titulada “Te quiero, eres perfecto…¡Ya te cambiaré!”. Este musical é un clásico de Broadway e vén de triunfar na capital española. A súa temática céntrase nas relacións de parella que son analizadas con moita ironía e sentido do humor. Os seus intérpretes son Sara Benavente, Cristina Simarro, Jorge Gonzalo e Pablo Muñoz-Chápuli, que tamén se ocupa da dirección.

A representación terá lugar o vindeiro 1 de marzo ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire. As entradas estarán á venda a partir do luns 26 de febreiro, na Oficina de Información Xuvenil, situada no 3º andar do Centro Social Uxío Novoneyra en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas. O luns e o martes estarán a disposición dos menores de 30 anos e o mércores e o xoves poderán ser adquiridas polo público en xeral. Haberá un total de 700 entradas á venda polo prezo de 5 euros.