Comeza o luns a funcionar o novo sistema de recollida de lixo na cidade

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A empresa Urbaser presentou esta mañá na praza de Santa María unha mostra do novo servizo de recollida de lixo e de limpeza, que foi ampliado, en convenio co Concello de Lugo, hai uns meses e que entrará en funcionamento o luns.

O Xerente da empresa en Lugo, Juan Pablo Guerrero, foi o encargado de amosar os novos vehículos que se engadiron aos xa existentes por parte da empresa, e que suporán un investimento de máis de 3,5 millóns de euros. Segundo indicou a posta en funcionamento do servizo será de forma paulatina.

Así mesmo, foi presentada a nova imaxe corporativa que lucirán os novos camións e na que se destaca o lema implantado polo Concello nestes últimos anos “Lugo limpo, gústame máis”. A nova flota, con parte dos traballadores, fixo unha demostración do traballo diario deixando que todos os que o quixeran se achegaran aos vehículos para coñecer o seu funcionamento.

O responsable de Urbaser explicou tamén cales serán os principais cambios e melloras que suporá esta ampliación de contrato e os beneficios que reportará aos lucenses a súa posta en marcha o luns. As melloras son as seguintes:

•A modificación fundamental será a sustitución do sistema de recollida traseira polo de carga lateral. Este novo sistema supón a utilización de contedores máis grandes e equipos altamente robotizados con grandes melloras tecnolóxicas.

•Estes novos contedores, máis de 1.400, terán un tamaño maior xa que poden soportar entre 2.400 e 3.200 litros de carga lateral.

•Aumenta por tanto o volumen de carga diaria da limpeza en máis do 30%, pasando de 142 a 202 metros cúbicos por xornada.

•Ao igual que se vén realizando, a recollida será nocturna na cidade e diurna na zona rural.

•Centro da cidade, dentro da muralla, cambiará de sistema de recollida, xa que se eliminarán os contedores do centro da cidade e se volverán colocar ás oito da tarde para proceder, a partir das dez, á súa recollida. Pequenos camións de carga traseira farán este traballo e irán vaciando nun camión que circulará pola ronda da Muralla.

•Das tres rutas actuais de recollida diurna de lixo, unha delas transfórmase ao sistema de carga lateral, mantendo polo momento as outras dúas como actualmente. A primeira en cambiar será a máis periférica.

•Os contedores que se retiren con estes cambios serán destinados á zona rural para mellorar o seu servizo de recollida. Ademais, con estes cambios, un total de 12 operarios do servizo de recollida pasarán a engrosar as filas da limpeza viaria.

•Para a recollida de envases se instalarán 450 contedores amarelos de carga lateral de 2.400 litros. O vaciado realizarase todos os días na zona urbana e tres días por semana na rural.

•Outra novidade será a recollida porta a porta de papel-cartón, vidro e envases nos establecementos hostaleiros que así o demanden. Comezarán a implantar este sistema por zonas comezando no centro histórico e no Ceao e pasando a continuación por outras zonas como Acea de Olga ou Fontiñas.

•Ademais da recollida de lixo, realízase tamén a ampliación e renovación da limpeza viaria. Coa incorporación dos 12 operarios procedentes do servizo de recollida, e a nova maquinaria duplícanse os medios para traballar diariamente.

•Actualmente, Lugo está dividido en cinco sectores de actuación, o menor deles é o do centro da cidade. En cada un destes sectores traballarán diariamente 6 operarios de barrido manual, unha baldeadora de 8.000 litros, unha barredora de calzadas, 1 baldeadora de alta presión e dous minibarredoras. Ademais, a zona centro terá servizo de limpeza pola mañá e pola tarde.

•Mantense tamén o actual servizo de barrido con brigadas nas zonas semirurais, renovando a flota de camións de caixa aberta actuais.

•A novidade no servizo de limpeza será a actuación nas zonas industriais da cidade, como Ceao, Louzaneta e Gándaras, as fins de semana, mediante baldeo mecánico, barrido mecánico e brigada.

•Os grandes cambios na limpeza serán o baldeo diario de todas as rúas, o aumento do baldeo mecánico de alta presión, o mantemento e limpeza dos iglús de vidro e das papaleiras mediante unha máquina hidrolimpiadora de auga a presión e o aumento de lavado dos contedores, tanto dos de carga lateral como dos de carga traseira.

•A ampliación do contrato con Urbaser supón un incremento no prezo do contrato de 914.829 euros ao ano (76.235 ao mes). A empresa realizará un investimento de 3.572.360 euros (pola nova maquinaria e pola renovación da xa existente).

•O aumento do investimento (914.829) ven pola suma do montante para a recollida de lixo (642.065 euros) e polo da limpeza viaria (272.286). Este orzamento final conta tamén co desconto dos 273.784 euros anuais que lle abonará Urbaser ao Concello por dispoñer da concesión da recollida selectiva de plásticos e envases.