O Goberno local mantén a súa aposta por un PXOM de máximo consenso

Miércoles, 14 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Terán varias xuntanzas coa Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia co fin de que coñezan o Plan

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, mantiveron unha nova xuntanza cos responsables políticos municipais para continuar a análise do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A intención do equipo de goberno é garantir o máximo consenso na aprobación deste documento urbanístico de gran importancia para a cidade. O Concelleiro de Urbanismo destacou que a súa intención é “aprobar un plan consensuado. Queremos que o aproben os 25 concelleiros para garantir que represente á cidadanía”.

Nesta última xuntanza fixeron un repaso a cuestións analizadas en momentos anteriores e tamén plantexaron o estudo de novos aspectos do PXOM.

O Concelleiro de Urbanismo explicou que os tres grupos políticos chegaron a acordos sobre a posible eliminación no Plan, dos límites de vivenda por hectárea en solo urbanizable, tanto delimitado como non delimitado, seguindo as pautas marcadas pola Lei do Solo de Galicia. Segundo Liñares, esta lei xa fixa uns parámetros de edificabilidade que “nos parecen un freo dabondo para que non se exceda o número de vivendas”.

O responsable de Urbanismo salientou que en ningún momento se decidiu que o Concello renuncie á construción dunha unión entre a autovía a Santiago e a N-VI, “só se decidiu a súa eliminación do trazado xa que iso non condiciona ó Ministerio de Fomento que será o encargado da súa construción, pero pode afectar a algunhas fincas”. Para o edil sería inxustificable que posteriormente os técnicos de Fomento estimen que o trazado debe ser outro, prexudicando sen motivo a algún veciño. “O Concello reivindicará esta unión, pero será quen a constrúa quen delimite o trazado”.

Prazas no Barrio Feixóo

Na xuntanza tamén ratificaron o falado en reunións anteriores sobre o Barrio Feixóo. E nesta ocasión o debate centrouse sobre todo na posibilidade de que se constrúan prazas públicas ou privadas na zona. “Queremos conservar o barrio co seu trazado orixinario, e facer prazas que o poñan en valor, con garaxes para as casas que non o teñen”. Liñares explicou que o equipo de goberno opina que estas prazas deben de ser públicas o que facilitará o seu coidado.

En canto ás entreplantas, acordaron recoller as existentes na ordenación e non permitir a construción doutras novas, así como, en solo residencial, reducir outros usos e aumentar os usos para vivenda.

Na reunión puxeron sobre a mesa a posibilidade de converter os baixos en vivenda, quedando pendente de estudo se deben ser baixos semisotano con certa altura ou non.

O luns xa anunciaron que haberá unha nova xuntanza coas redactoras do PXOM ás 12:00 horas no Centro de Empresas e Innovación.Tamén dixeron que entre setembro e outubro haberá xuntanzas coa Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia para que coñezan os documentos que conforman o PXOM de Lugo e se axilicen o máximo posible os prazos.