A zona rural foi o tema central na cuarta xuntanza de análise do PXOM por parte do Goberno local e os distintos grupos políticos

Miércoles, 14 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares e os responsables dos distintos grupos políticos con representación municipal, mantiveron a cuarta xuntanza de traballo, esta vez co equipo redactor do PXOM.

A sintonía segue a ser a tónica xeral destas xornadas que nesta ocasión se centraron na análise da zona rural.

Fernández Liñares aclarou que a zona rural ten unhas connotacións xurídicas superiores á zona urbana por imposición da Lei do Solo de Galicia, isto fai que “a liberdade de planificar sexa menor”.

As redactoras do Plan Xeral de Ordenación Municipal, explicaron ós representantes políticos os criterios seguidos na redacción, no referente ós núcleos rurais, áreas de expansión, urbanizables, etc, e, segundo destacou o edil de Urbanismo, houbo “coordenación total co equipo redactor por parte dos tres grupos”.

Na primeira parte da xuntanza, tal e como suliñou Fernández Liñares, acordaron fixar as parcelas mínimas no caso de segregación – que é unha división da parcela matriz-. “Houbo acordo pleno para fixar os mínimos en 600 metros cadrados en núcleo rural, e en 800 metros cadrados en área de expansión”. O Concelleiro, aclarou que “isto non quere dicir que as persoas non podan facer divisións máis grandes, só se establece un límite mínimo”.

En canto ós urbanizables en zona rural, acordaron reducir a extensión dalgúns deles. “É unha modalidade de construción, pero non queremos que sexa a prioritaria en zonas rurales, senón que deben predominar as tipoloxías históricas predominantes nos núcleos rurais”.

A densidade por hectárea -número de vivendas por hectárea- en urbanizables de parroquia non delimitados, quedou fixado nesta cuarta xuntanza en 10 vivendas por hectárea. Fernández Liñares dixo tamén que “se o urbanizable é delimitado mantense o fixado no 91 cun máximo de arredor de 15 vivendas por hectárea”.

Outro tema tratado foi o urbanizable de San Cibrao. Neste senso, a decisión unánime é que sexa un urbanizable máis, e acordouse o seu desenvolvemento cun plan parcial, atendendo, no futuro, ás necesidades que comece a demandar a zona coa posta en marcha do novo hospital. “Atenderanse as necesidades que se vaian creando arredor desta nova e importante infraestrutura coa que contará a cidade”.

Fernández Liñares, destacou de novo a boa sintonía existente entre os grupos políticos municipais e o Goberno local, e a necesidade de seguir traballando para cumprir prazos. “O Plan é un documento moi importante para a cidade, e dirixe en gran medida o que será o futuro de Lugo. Consideramos as cousas con moita seriedade e aproximando posturas para chegar a acordos”.

Novas xuntanzas de traballo

O Concelleiro de Urbanismo anunciou as novas datas de xuntanzas. Serán os días 10 e 11 de setembro co equipo redactor. Días antes –se concretar aínda- haberá novas reunións dos responsables políticos.