As Casas Sindicais de Lamas de Prado e tres comunidades do Sagrado Corazón, premios Lugo Ponte Bonito 2005 e 2006

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Os veciños das Casas Sindicais de Lamas de Prado e as comunidades 24-25-26 do barrio do Sagrado Corazón convertéronse nos Premios Lugo Ponte Bonito correspondentes ós anos 2005 e 2006. Así o decidiu hoxe o xurado por unanimidade. O premio, convocado polo Concello de Lugo, suporá un investimento en cada barrio gañador de 12.000 euros en obras públicas. Grazas a esta convocatoria, o traballo do Concello para embelecer os barrios compleméntase co dos veciños.

As Casas Sindicais situadas no enclave entre rúa Quiroga, Lamas de prado e rúa Portugal, e os propietarios dos números 24-25-26 do Sagrado Corazón fixéronse cos primeiros premios que organiza o Concello de Lugo para recoñecer o bo facer dos veciños a prol do seu barrio e do estado xeral das vivendas.

O Alcalde, que deu a coñecer esta mañá a resolución do xurado, felicitou ós gañadores e subraiou “o extraordinario traballo de pintura nas fachadas das Casas Sindicais. Púxeronse dacordo varias comunidades, mesmo na cor da pintura”. Con respecto ó Sagrado Corazón, os veciños dos números 24-25-26 “tamén acordaron a mellora das súas edificacións, cambiaron e pintaron as fachadas, algúns tellados...”, dixo.

Cada premio está dotado con 12.000 euros para as obras públicas no barrio que estimen oportunas os gañadores. O Concello realizará e custeará as obras, que repercutirán en beneficio da comunidade. “Estes veciños son un exemplo que debemos de seguir todos os lucenses”, afirmou López Orozco.

Houbo un terceiro participante, correspondente ó barrio da Milagrosa e Piringalla. Sen embargo, esta proposta foi excluída ó non adaptarse ás bases. No lugar de dar conta de accións de embelecemento dos veciños, salientaban o estado xeral do barrio, facendo fincapé en iniciativas públicas ou privadas como a igrexa da Milagrosa, o centro social, etc.

Programa amplo

O premio Lugo Ponte Bonito naceu para animar ós propietarios, comunidades e veciños en xeral a aproveitar os incentivos das ordenanzas fiscais e promover o embelecemento da cidade.

O Concello ten establecido que os veciños que pinten ou restauren as súas fachadas acadarán unha bonificación do 95% tanto na taxa como no imposto que hai que aboar ó solicitar a licencia de obras. Tamén teñen unha bonificación do 95% na taxa polo aproveitamente especial da vía pública (cando precisen instalar na rúa andamaios, guindastres, etc).

Estas accións son complementarias co embelecemento xeral dos barrios da cidade, como está a facer o Concello coa creación de fontes e instalación de estatuas, entre outros.

O xurado destes premios estivo presidido polo Alcalde e os seus membros foron: o Presidente do Colexio de Arquitectos –Wenceslao Posada García-, un representante da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo –Antonio Abuín Fariñas-, o Presidente da Comisión Xestora da Unión de Asociacións Veciñais e Culturais de Lugo –Jaime Gueimonde Sierra-, un representante da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón –Pedro Agrelo-, a Xefa do Servizo de Licencias, o Xefe do Servizo de Arquitectura, o arquitecto Francisco García del Río e un funcionario en representación do Secretario do Concello.