O Día Europeo sen coches deixará libre de tráfico o centro

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Semana da Mobilidade continúa co seu programa celebrando ó seu día grande: o Día Europeo sen coches. Por iso, o Concello de Lugo pon en marcha A Cidade sen o meu coche. Como xa se fixera en anos anteriores o Concello restrinxirá o tráfico ás rúas do recinto amurallado. Será dende as 10 da mañá ata as 18:00 horas.

Ó longo do día, ademais, o transporte público urbano terá unha tarifa especial de 20 céntimos para incentivar o seu uso.

A Concellería de Xuventude, fai tamén a súa proposta para este día especial poñendo en marcha a iniciativa Museos a pé. Todos os que o desexen poden participar nunha visita a pé polos Museos da cidade. Comezará ás 11:00 horas cunha saída dende a Praza Maior en dirección a: Casa dos Mosaicos, Sala de exposicións Porta Miñá, Muralla (dende a Porta de Santiago ata a baixada da Praza do Cantiño) e Centro Arqueolóxico de San Roque.

Pola súa banda, a Concellería de Deportes, organiza para esta ocasión, o VI Gran Premio Lugo Rural de ciclismo. Este ano comezará ás 16:00 e ás 19:30 horas e o percorrido será: Praza de Santo Domingo (saída e meta), Rúa San Marcos, Praza de San Fernando, Ronda da Muralla entre a Porta de San Fernando e a de Bispo Odoario, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Praza de Santo Domingo.