O Concello amplía o prazo de presentación de traballos para o concurso de fotografía e vídeo de Lugo Social

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo amplía o prazo de presentación de traballos para o Concurso de Fotografía e Vídeo con Teléfono Móbil ata o día 30 de novembro co fin de facilitar a participación de estudantes de bacharelato e universitarios ante a demanda dos propios centros educativos.

Este certame, organizado pola Concellería de Emprego dentro do programa Lugo Social, está orientado a promover o uso responsable e creativo dos teléfonos móbiles entre a xuventude e amosar a utilidade deste instrumento de comuniccaión para difundir valores de defensa da igualdade, da interculturalidade e contra o racismo e a xenofobia.

O concurso está dirixido a mozos de entre 16 e 25 anos e a temática versará sobre a igualdade entre homes e mulleres, a interculturalidade e a loita contra o racismo e a xenofobia, tal e como recolle o seu lema “Construíndo igualdade: entre mulleres e homes e as distintas culturas”. Os participantes deben retratar comportamentos sociais que fomenten estes valores de convivencia ou ben denuncien situacións que atenten contra eles.

As bases contemplan a participación nas dúas categorías propostas (fotografía e vídeo). Os traballos teñen que realizarse co teléfono móbil e non deben exceder os 30 de segundos de duración. As obras poden presentarse na oficina da Axencia de Desenvolvemento Local, situadas na Casa Consistorial, ou ben a través da páxina web municipal, www.lugo.es, onde se pode atopar información complementaria.