Os monólogos centran a segunda edición de Xoves con Arte

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, presentou unha nova edición de Xoves con Arte que organiza por segundo ano consecutivo a súa Concellería. Os monólogos abren esta edición, que se prolongará dende febreiro ata o mes de xuño.

O programa Xoves con Arte busca ofrecer actividades culturais e de entretemento á mocidade lucense. Os distintos actos programados desenvolveranse os primeiros xoves de cada mes dende febreiro a xuño. A primeira cita terá lugar o vindeiro xoves, día 1 de febreiro, ás 21 horas no salón de actos da Facultade de Veterinaria. Esta primeira función está dedicada especialmente ao humor e inclúe a actuación de catro cómicos consagrados nos espectáculos de monólogos.

Ao longo dunha hora e media os artistas Sinacio, Juan Luis Hurtado, Leo Harlem e Iñaki Urrutia seducirán ao público coas súas visións irónicas sobre distintos temas de actulidade. Os catro son artistas polifáceticos que abarcan o teatro e a televisión tanto na súa faceta de guionistas como na de actores. Todos comparten o seu pasado no Club de la Comedia e a súa capacidade para provocar a risa co seu humor intelixente.

Esta actuación é gratuíta e as entradas xa están a disposición de todos os interesados na Oficina de Información Xuvenil, situada no 3º andar do Centro Social Uxío Novoneyra, ou na Casa da Música. Os menores de 30 anos poderán recoller un máximo de tres entradas por persoa ata o mércores ás 20:30 horas. O xoves poderán ser retiradas nestas dependencias polo público en xeral, ata unha hora antes da actuación.

Balance da pasada edición
A edil ofreceu un balance da anterior edición de Xoves con Arte que se celebrou por vez primeira o ano pasado. O programa acolleu catro actuacións de monólogos, un maratón de cine, o concerto de Ismael Serrano e a representación da obra teatral Los Monólogos de la Vagina. Estas actividades foron seguidas por máis de 2.000 persoas.