Os servizos de Protección da Comunidade realizan un simulacro de evacuación no colexio de Casás

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O colexio de Casás acolleu esta mañá ás 12:00 horas un simulacro de evacuación en caso de emerxencia que realizaron en coordinación a Policía Local, o corpo de Bombeiros e o servizo de Protección Civil. Esta acción preventiva recollese no convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Educación, que están a desenvolver conxuntamente o Plan de Autoprotección Escolar.

Este plan está orientado a establecer unhas pautas de actuación para os usuarios dos centros educativos en caso de sufrir unha emerxencia. Nesta ocasión a emerxencia simulada consistiu nun incendio na planta baixa e levouse a cabo a evacuación de 251 persoas (entre docentes, persoal do colexio e alumnos).

O exercicio desenvolveuse en dúas accións simultáneas e coordinadas polos servizos de Protección á Comunidade do Concello, que contaron coa colaboración da policía Nacional e da Cruz Vermella. A evacuación realizouse en 1 minuto e 40 segundos e nela participaron oito bombeiros -con tres vehículos- cinco policías locais e dez membros de Protección Civil.

Este tipo de actividades resultan imprescindibles para mellorar a seguridade dos cidadáns en caso de emerxencia, pois son moi útiles para establecer protocolos eficaces, minimizar riscos e optimizar a actuación dos servizos de protección.