O Concello de Lugo dotará ó novo hospital con 1.145 metros de viais

Sábado, 10 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestructuras, José Piñeiro, explicou hoxe as obras de urbanización da parcela do novo hospital de Lugo das que a Xunta de Goberno Local abriu o seu proxecto de licitación.

As obras consisten na execución das infraestructuras básicas para dotar das condicións urbanas á  parcela na que se ubica o futuro hospital de Lugo.

Como explicou o Concelleiro, a proposta das obras céntrase en dous frentes fundamentais: por unha parte,  a dotación de servizos urbanos  co abastecemento do auga, saneamento, as telecomunicacións, o suminsitro de Gas Natural e o alumado público; e por outra, dotando de servizos ós viais que rodean á parcela  do novo hospital.

Coa construcción de 1.145 metros de viais perimetrais que contarán con dúas glorietas na intersección dos mesmos, tratarase de mellorar os camiños existentes.

O Concelleiro explicou que “os viais terán uns 24 metros de anchura,  con dos carrís de 3,50 metros de ancho por cada sentido de circulación e veirarúas de 3 ou 5 metros dependendo da existencia ou non de estacionamento”.

Estas obras inclúense na segunda  fase das actuacións para cumprir co compromiso adquirido polo Concello de Lugo de urbanizar e dotar de accesos á parcela do novo Hospital.

As actuacións contarán cun presuposto de 2.936.792,06 euros e un prazo máximo de execución de dez meses.