Lara Méndez pon en valor o Día do Veciño 2021 “como un punto de encontro que fortalece o movemento da veciñanza de Lugo”

O acto, que reunirá a máis dun milleiro de persoas nunha organización máis reducida pola pandemia, celebrarase o vindeiro 23 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos.

A rexedora incidiu en que “todos os gobernantes debemos estar a pé de rúa e é a nosa obriga estar nun permanente estado de escoita dos problemas da cidadanía”.

Lunes, 18 de octubre de 2021
Fuente: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en valor o Día do Veciño 2021 “como un punto de encontro que fortalece o movemento da veciñanza de Lugo”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe na presentación do Día do Veciño 2021, organizada pola Federación de Asociacións de Veciños, unha das entidades máis numerosas de Galicia, que integra a máis de 200 asociacións que simbolizan tanto a realidade do Lugo urbano como do rural. É unha “cita cunha identidade e un peso importante no calendario de eventos da cidade e da provincia, un punto de encontro que fortalece o movemento veciñal, reforza lazos entre os colectivos, así como de toda a poboación”.

Lara Méndez valorou “o gran traballo que realiza a Federación de Asociacións de Veciños, moi activa durante todo o ano como interlocutores de centos de veciños de Lugo coas administracións, coñecedores e reivindicativos dos barrios e das súas necesidades, pero tamén son importantes dinamizadores xa que desenvolven accións que van desde a concienciación na loita contra a violencia de xénero ata outras accións sociais e culturais”.

A rexedora destacou como clave “en toda acción e xestión de Goberno escoitar á veciñanza, os seus problemas e as súas suxestións de primeira man, para poder logo aportar solucións. Todos os gobernantes debemos estar a pé de rúa e é a nosa obriga estar nun permanente estado de escoita da cidadanía”.

O Día do Veciño terá lugar o 23 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, que este ano reunirá a máis dun milleiro de persoas debido as restricións da pandemia, pero que no último ano que se celebrou reuniu a máis de 4.000 veciños.

O programa comezará a partir das 10.30 h., e incluirá unha exposición das actividades levadas a cabo pola Federación de Veciños durante este ano, a celebración dun partido de fútbol entre veciños no Polvorín e actuacións de música tradicional, como a da ‘Asociación cultural Axóuxere de Roupar’. Ritmo Lugo realizará unha actuación de baile e para finalizar procederase a entregar as V do Veciño, premios cos que se homenaxea e se recoñece a labor de personalidades que destacaran pola súa colaboración co movemento veciñal.

Nesta edición marcada pola pandemia non haberá o xantar habitual, e en substitución do mesmo os convidados recibirán una cesta con productos con denominación de orixe e a camiseta do Día do Veciño.

No acto de presentación do Día do Veciño, que se celebrou na Deputación, asistiron a deputada, Pilar García Porto, o delegado da Xunta, Javier Arias, e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez.